viernes, 19 de marzo de 2010

O proxecto para alumnado de secundaria

O profesorado do E.P.A.P.U. de Teixeiro desenvolve o proxecto Aprender no Cárcere para crear unha vía de comunicación e colaboración entre os intern@s da nosa escola e os adolescentes dos centros de secundaria da nosa Comunidade.

Tras visitar varios centros educativos o pasado curso escolar e debido ao éxito colleitado, temos previsto ampliar a experiencia cara a outos centros durante este curso escolar. A idea é que as charlas se repartan ao longo do curso para que teñan lugar nos tres trimestres nas semanas que adoitan coincidir con actividades na meirande parte dos centros educativos da nosa Comunidade.

Como novidade, propoñemos ampliar o proxecto e crear dúas fases. A primeira sería a das charlas, ás que poden optar tanto centros novos como os que participaron na experiencia o ano pasado e que se detalla a continuación.

• Membros do profesorado do EPAPU de Teixeiro acompañados de internos, previamente validados polo Centro Penitenciario, irán aos Centros de Secundaria para ofrecer unha charla/coloquio.

• A duración será dunha sesión (50 min) ou de varias dependendo das necesidades do Centro.


• Estrutura da sesión:
- Breve introdución sobre o funcionamento da escola no Centro Penitenciario e presentación do/a interno/a a cargo dun dos docentes.
- O/a interno/a pasará a relatar a súa experiencia educativa no pasado e a súa experiencia actual.
- A/o interna/o falará da súa situación actual (convivencia no cárcere, qué o levou a esa situación, expectativas de futuro…)
- Dependendo das peticións dos Centros de Secundaria, o/a interno/a adicará un tempo a tratar un tema puntual (droga, violencia, inmigración…)
- O alumnado dos Centros de Secundaria realizarán preguntas que serán contestadas (na medida do posible) pola/o interna/o. Sería de grande axuda poder contar coa batería de preguntas con anterioridade para desbotar as que non fosen pertinentes e para facilitar o labor do/a interno/a.

• Gustaríanos facer un seguimento, coa axuda dos departamentos correspondentes en cada Centro, para respostar a todas aquelas cuestións que quedaran desatendidas durante a charla e poder crear un vínculo de asociación e colaboración dentro do noso proxecto e para traballos futuros.

• A nosa intención é achegar aos adolescentes ao mundo dos internos para evitar que cometan os mesmos erros e ao mesmo tempo incidir no labor de reeducación e reinserción que estamos levando a cabo achegando ao noso alumnado á realidade dos adolescentes creando unha rede de axuda mutua.


Na segunda fase só poderían participar, durante este curso, os centros educativos que xa colaboraron connosco o curso pasado. Nesta segunda fase do proxecto ofreceriamos a posibilidade de que un grupo de alumnos acompañado polos profesores responsables visitaran a escola no cárcere para expoñer un proxecto no que estiveran a traballar durante o presente curso escolar. A visita levaríase a cabo no último trimestre ( DEBEMOS DEIXAR CLARO QUE TEMOS O VISTO BO PARA QUE SE REALICE , MAIS NON PODEMOS ASEGURAR A SÚA REALIZACIÓN XA QUE A ÚLTIMA PALABRA SEMPRE A TEN A PENITENCIARÍA E DEBIDO ÁS CARACTERÍSTICAS ESPECIAS DA NOSA ESCOLA PODE HABER CAMBIOS DE DECISIÓNS EN CALQUERA MOMENTO).

Tendo en conta o anterior e comprometéndonos a visitar os centros que participen nesta fase se é que a última hora houbera algún contratempo, pasamos a detallar no que consistiría esta segunda fase.

• Os Centros interesados deberán enviarnos un proxecto no que traballen durante o presente curso escolar. A extensión do mesmo é libre, mais débese ter en conta que a súa presentación oral aquí na escola non debe sobrepasar os 30 minutos.

• O tema do proxecto deberá ter relación co experimentado na primeira fase (o pasado curso). Dependendo do departamento ou departamentos que dirixan o proxecto poderá ser tan flexible como se queira. O obxectivo e que o alumnado dos Centros participantes adiquen algún tempo a reflexionar sobre a educación no cárcere e os temas que máis lles sorprenderon durante as charlas do curso pasado.


• Algunhas ideas que se nos ocurriron a nós pola nosa experiencia anterior en centros de secundaria e que vos poden axudar a integrar o proxecto noutras actividades do voso Centro son: O proxecto dende a perspectiva do equipo de normalización ou do departamento de orientación, ligado á educación para a cidadanía, ao blog dalgún departamento, a un programa de radio, a unha revista do centro, ao plan de acción titorial ou a calquera outra actividade que se estea a levar a cabo nos vosos centros.

• Deberiamos recibir o compromiso de partcipación antes de finais do mes de novembro, e os proxectos, non máis tarde do venres tras as vacacións de Semana Santa.


• Dependendo do número e calidade dos proxectos recibidos, poderán participar na visita máis ou menos alumnos. O número de participantes que barallamos é de 20 polo que se son 4 os centros seleccionados, virán 5 alumnos de cada centro; se son 2 serán 10 alumnos… Se no proxecto traballan máis alumnos dos que poidan vir ao final, serán os seus profesores os que elixan aos que máis se implicaran para visitar o EPAPU de Teixeiro.

• Durante o proceso, o profesorado do noso Centro estará a disposición dos centros participantes para colaborar con calquera problema ou idea que vaia surxindo. Como xa expuxeramos o pasado curso, gustarianos que o proxecto non se quedara nunha simple charla senón que poidamos colaborar uns con outros de maneira continua para mellorar a vida e a educación de todos os nos@s alumn@s.

Un saúdo.

O profesorado do EPAPU de Teixeiro.

1 comentario:

  1. hola son catarina cousillas de 4 pdc
    encantoume que me explicares a vida na carcel especialmente queria darlles animo a toods!!!
    hasta estuvemos reindonos con vos varios momentosjeje=) bueno saludos esperemonos ver outro dia por ahi
    adios besos =)

    ResponderEliminar