O proxecto

Este proxecto é froito dunha reflexión de nós, profesores e profesoras do EPAPU, sobre o día a día nas aulas do Centro Penitenciario de Teixeiro. Por unha banda, é unha reflexión como docentes, xa que as nosas experiencias profesionais anteriores en centros de Primaria e Secundaria, e mesmo en Educación Para Adultos, non nos tiñan acostumados a estas realidades educativas; e por outra, é unha toma de conciencia sobre as necesidades do noso alumnado en concreto.
Da nosa visión da docencia no cárcere xorden as primeiras visitas aos Campus de Santiago e Lugo, unha idea que xa rondaba a cabeza do director desde hai tempo. Quen lles fala aos universitarios e universitarias sobre este tipo de ensinanzas? Como se preparan para afrontar estas outras posibilidades educativas?
Así foi como comezamos unha posta en común que tivo moi boa acollida na Universidade e resultou certamente enriquecedora.
Porén, non podiamos deixar de lado a concreción do noso traballo diario na aula, atopamos uns alumn@s con escasa experiencia académica, pero moi formados  na "escola da vida". Tiñan moito que aprender... e nós case tanto coma eles!
A Escola comezou sendo para moit@s un xeito de fuxir da tensión dos módulos e da monotonía das horas que non pasan. Non foi doado achegalos á disciplina das aulas e facerlles entender a utilidade dunha formación básica na sociedade na que todos e todas convivimos, eles tamén.
As súas vivencias anteriores á entrada no cárcere, o xeito de entender o presente e as súas inquedanzas sobre o futuro, fixéronnos artellar a idea de que merecían ser escoitados fóra, en centros educativos onde houbera nenos e nenas como eles tiñan sido, coas mesmas teimas que eles tiveran algunha vez,  sobre todo, nesa idade adolescente que marca o  camiño que seguiremos coma adultos.
Así naceu Aprender (transmitir ou adquirir o coñecemento de algo ao que se chega por medio do estudo, a práctica, a observación ou a experiencia) NO CÁrcere, como humilde intento de amosar que non son tan grandes os muros que nos separan e que as experiencias contadas de primeira man polos propios protagonistas poden ser un bo xeito de facernos cavilar...

2 comentarios:

  1. Hola, he puesto una entrada en el blog Chicass10 sobre Cómo descargar ...que quizás os interese.
    Un saludo, y ¡ánimo!

    ResponderEliminar
  2. Me encanta este blog y creo que lo que teneis que seguir haciendo es mejorar y ser mas fuertes y mucho ánimo

    ResponderEliminar