viernes, 8 de mayo de 2015

Valoración IES Lois Peña Novo

Quizais esta fora unha das mellores e mais apaixonantes actividades que realizamos no IES Lois Peña Novo. A visita de Pablo e Pilar xerou unha expectativa no alumnado coa que contabamos pero non sabiamos moi ben como cuantificar. O certo é que superaron con creces todo o previsto, e o relato das súas vivencias resultou hipnotizador para o conxunto dos asistentes. Xa a introdución por parte de Antonio e Teresa (os seus profes) foi impactante, sobre todo, o vídeo que poñía en imaxes aquilo que máis tarde relatarían os internos, como o ruído das portas ao se cerraren, unha metáfora real da soidade e do abandono que se sinte dentro do cárcere.

Que as aprendizaxes sobre a drogadicción, o delito ou mesmo a posibilidade de ter escola dentro dunha prisión viñeran dadas por Pilar e Pablo foi un baño de realidade para todos nós, grandes e non tanto, pois puidemos comprobar que formamos parte dun sistema que nos pode engulir e arrastrar cara a situacións similares ás que nos contaron os nosos amigos.
Claro que hai un antes e un despois, e realmente cremos que este proxecto vai servir para que todos, especialmente os nosos alumnos, reflexionemos e nos decatemos de que ninguén está libre de caer no que tan ben nos contaron Pilar e Pablo.
Parabéns a todos vós. Aos profesores, pola vosa dedicación (seguramente calada e descoñecida) a un labor tan difícil; e a Pilar e Pablo, pola vosa valentía e dignidade coa que contades a vosa dura e triste historia.
Grazas pola visita!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario