lunes, 13 de mayo de 2013

Valoración internos - IES Rafael Puga Ramón 2013/2014


Valoración de Ventura da súa saída ao IES Rafael Puga Ramón:

“De entrada e como non podía ser doutra maneira, o encontrarme en medio  dos rapaces de entre 16 e 17 anos non é cousa doada, máis aínda despois de tantos anos sen ter ningunha clase de relación con xentes fóra do recinto no que un leva sete anos subsistindo.
A primeira impresión choca fondo, moi fondo e non sabe un nin como nin o que dicir. É unha sensación case de vergoña, apoucado e incluso podería dicir que vante mirar coma un bicho raro. Sen case darme de conta e fixándome só nas caras, mellor dito fasquías, que se lle ían quedando cando escoitaban e vían o video como é o interior dun centro penitenciario, o son das portas cando se van pechando detrás dun, ese son seco, brutal que un non sabe cando voltará a soar para abrirlle as portas á liberdade, tiñaos nun silencio atronador. Foi entón cando notei a implicación deses rapaces e o interés ao que estaban vendo e escoitando e foi iso o que me encheu de valor e coraxe para dar o meu testemuño do que é a vida no cárcere.
Con máis ou menos soltura funme abrindo paso entre quen me escoitaba cou un interés palpable e tanto o meu compañeiro, profesores e eu mesmo nos encontrábamos como peixe na auga ante tanta atención.
Chegada a hora das preguntas e tras un intre de silencio no que el só o falaba todo, eses rapaces fixeron gala do seu interés con soltura e incluso cun “desparpajo” propio da idade. Doume a impresión de coñecelos de antes e a cousa ía sobre rodas. Esa implicación, o interés, as bocas abertas de asombro daban boa conta de que a mensaxe que lles levábamos caloulles fondo, os ollos como cuncas e a inquietude que eu lles notei foi unha sensación moi gratificante, positiva e chea de estímulos como para que non rematara a charla. Xa rematada dita charla, seguían facendo preguntas e querendo saber máis sobre todo dese nefasto mundo que é o das drogas; sobre o significado da familia todos eses anos; de cómo e porqué suceden as cousas e os erros que poden levar a calquera a acabar cos ósos nun lugar coma ese, desas pequenas pautas de comportamento ás que non lle demos importancia e supuxeron ser o fío condutor a tan indeseado final.
Para rematar direivos que agradezo todo o esforzó feito por todas aquela persoas que fixeron posible tan gratificante saída; e con que tan só coas nosas verbas, presenza e testemuño poidésemos lograr que un só deses rapaces non caia no cárcere dámonos por máis que satisfeitos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario