lunes, 30 de marzo de 2015

Valoración dos docentes do EPAPU da charla no IES Lois Peña Novo


O 26 de marzo acudimos ao IES Lois Peña Novo (Vilalba) xunto cos alumnos Pili e Pablo e dentro do marco do proxecto ANOCA. Comezamos a charla co visionado do audiovisual producido polo propio proxecto para a continuación expor os profesores unhas pequenas liñas mestras que servirán de composición de lugar: a prisión como realidade social invisibilizada, o delito e a reinserción, a realidade do traballo do profesorado da Consellería de Educación dentro dun espazo dirixido por Institucións penitenciarias…. A continuación os alumnos falaron da súa experiencia persoal e como a través do delito chegaron a prisión e como esta afectou as súas vidas.
Hai que dicir que o alumnado asistente eran fundamentalmente mozos e mozas (arredor dos 17 anos), estudantes de ciclos formativos ou PCPI. Nótase que houbo un traballo previo por parte do centro xa que a rolda de preguntas foi bastante construtiva, fuxindo do morbo e indo a aspectos relativos á vida penitenciaria, as consecuencias familiares da privación de liberdade e o significado da escola dentro da prisión. A participación do profesorado asistente (numeroso) tamén foi notable, e por momentos o acto tivo un carácter pedagóxico e metodolóxico importante, destacando as diferenzas entre o traballo con alumnado de alfabetización ou estranxeiro e os niveis superiores. O feito de que Teresa e Antonio sexan de diferentes niveis facilitou a riqueza expositiva.
Outro aspecto importante foron os argumentos derivados da problemática arredor do consumo e tráfico de estupefacientes, polo que consideramos que a actividade tivo un importante papel para a prevención da drogadición. Consideramos que o trato por parte do persoal do centro foi extraordinario, tanto na preparación da actividade, como na acollida a profesores e alumnos como nos comentarios posteriores. Queremos destacar a vicediretora (quen nos dedicou unhas verbas moi fermosas tras o acto, dicindo que habería “un antes e un despois” do mesmo) así como a responsable da biblioteca escolar, onde transcorreu o mesmo, sen desmerecer o resto de profesorado presente, algún dos cales destacou en comentarios persoais en especial a carga emotiva da actividade. Unha aperta moi grande para o Lois Peña Novo e a súa comunidade educativa á cal lle estamos certamente agradecidos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario