lunes, 15 de marzo de 2010

Valoración profesorado

Esta charla foi un pouco diferente ás demais que viñamos facendo. Era a segunda vez que visitabamos este Centro e a directora, coñecedora do interese que suscitara no seu alumnado a nosa visita o curso anterior, propúxonos a participación nunha charla-coloquio conxuntamente coa Garda Civil e ACLAD, asociación coruñesa de axuda a toxicómanos, para falar do tema das drogas.
Conscientes de que, en principio, "presos", Garda Civil e psicólogos non parecen facer bon caldo, aceptamos compartir as nosas experiencias co gallo de dar aos adolescentes unha visión do mundo das drogas desde varias perspectivas que os axuden a reflexionar.
A experiencia foi todo un éxito, o alumnado do IES estivo moi participativo e interesado en todo momento, a pesar de que se precisaron dúas sesións de 50 min. para cada curso (2º e 4º da ESO). Por outra banda, temos que recoñecer o esforzo realizado polos nosos alumnos: César e José Ramón que souberon estar á altura, sabemos que transmitir a adolescentes as súas duras experiencias como exemplo "a non seguir", non é doado.
Agradecemos, por este motivo, a profesionalidade e o trato amable e cordial que recibimos, non só por parte do profesorado do Centro, senón tamén dos eventuais compañeiros desta charla, Garda Civil e psicólogos, que ademais abríronnos unha porta a posteriores colaboracións amosándose moi interesados polo noso Proxecto.

Marián e Chus (profesoras do EPAPU Teixeiro)

No hay comentarios:

Publicar un comentario