jueves, 18 de marzo de 2010

Valoración profesorado

Os profesores Jesús e Benito e os alumnos Lukas e Juan fomos dar unha charla dentro do noso proxecto ao C.P.I. de Ponte Carreira o mércores 12 de xaneiro pola mañán.

A orientadora e distintos profesores do centro recibíronnos e acompañáronnos á aula onde tería lugar a charla-coloquio. 45 alumnos e alumnas da E.S.O. e varios profesores chegaron á aula sen saber moi ben que lles ía esperar.

Os profesores introducimos o proxecto e mostramos un powerpoint para explicar a realidade da nosa escola. Logo falaron os nosos alumnos. Para Juan era a segunda vez polo que lle resultou máis doado falar da súa experiencia vital e a súa vivencia na escola e no centro penitenciario. Lukas mostrouse máis nervioso (era a súa primeira vez e ademais tivo que falar nunha lingua que non é a súa) pero pouco a pouco foise soltando. Tanto alumnado como profesorado participaron activamente no coloquio posterior ás intervencións dos noso alumnos e as dúas horas pasaron nun intre.

No pouco tempo que nos quedou despois, puidemos intercambiar opinións co profesorado de Ponte Carreira e mostráronse entusiasmados coa experiencia e fixeron que os nosos alumnos se sentiran como en familia .

Agradezo en nome dos catro membros da nosa escola o exquisito comportamento do alumnado e o trato impecable do profesorado de Ponte Carreira e espero que expresen as súas impresións aquí no noso blog.

É a primeira vez que saio para participar no proxecto neste curso e reafírmome na idea de que se trata dunha iniciativa na que todas as partes saen beneficiadas.


No hay comentarios:

Publicar un comentario